literature

INSONDABLE

Deviation Actions

Serpens-sideris's avatar
Published:
312 Views

Literature Text

Sentada fronte ao mar, agarda. Sentada nunha rocha, espera. Sentada, cuberta cunha vella e raída manta, olla.
Non importa que haxa ameaza de tempestade, que o vento vire en furacán e que as ondas semellen montañas. A rocha presenta numerosas fendas e trazados de caprichosas formas, froito da erosión da auga e do salitre, pero iso dá igual. Tanto ten que a manta estea toda esfarrapada, e que abrigue o que un trapo húmido. “Só esperar, anhelante; só fitar, expectante”; esa parece ser a máxima que guía a súa existencia.
Xa ninguén se achega a ela. Non fala, e non atende a razóns. Por máis que a leven do seu cornecho no penedo, sempre dá coa maneira de fuxir e de volver, coma se fose o único sitio seguro do orbe.
Vírona por primeira vez unha mañá neboenta de novembro, fai xa un ano, pero na vila din que en realidade sempre estivo alí, que aquela rocha é o seu acubillo ab aeterno.
A pregunta é evidente: a que ou a quen espera? Os ruxerruxes que se oen por aquí e por acolá falan dun pai que emigrou ás Américas, dun irmán que se embarcou nun pesqueiro que endexamais retornou a porto, ou dun noivo que partiu a loitar na guerra.
Poida que agarde por un barco que  atravese todas as rutas náuticas, e que a leve máis aló da Finis Terrae. Ou talvez  por un submarino, un antigo Nautilus esquecido tempo atrás, que viaxe ás profundidades do océano, ata o corazón mesmo das tebras.
Os vellos, cando falan dela, din que é unha “noiva do mar”, condenada a permanecer fronte ás augas ata a fin dos tempos. Quizais teñan razón, ou quizais non a teñan. O único que podo dicir eu, o único que sei, é que ela segue sentada na que xa é a súa rocha, esperando con perseveranza; que segue cuberta con esa vella manta que se acabará desfacendo en cachos; e que segue, impertérrita, a ollar o mar.
Me gusta la estructura paralelística que he seguido en éste ^^
© 2013 - 2024 Serpens-sideris
Comments0
Join the community to add your comment. Already a deviant? Log In